Blogia

"Lira" de San Miguel

Esteban Valverde Corrales

Nace en Moaña, Pontevedra, no ano 1971.

Inicia os seus estudios musicais co mestre Francisco Pérez Rodríguez no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde remata na especialidade de clarinete con “ Premio de Honra” Fin de Carreira.

Cursou estudios en Nova Iorke cos mestres Ricardo Morales e Danny A. Granados . Durante 1999 asistiu esporadicamente á clase do mestre Wolfgang Meyer na “Staad Musikhöchschule” de Kalsruhe en Alemaña. No curso 99/00 asistiu á clase do mestre Antonio Saiote na E.S.M.A.E. de Oporto.

Foi invitado polo mestre Wolfgang Meyer na “Sommerakademie” que organiza a Universidade do Mozarteum de Salzburgo, onde interpretou en varios recitais a música de cámara de J. Brahms. Tamén asistiu como alumno becado á “Escola de Práctica Orquestral” da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Entre os seus cursos de perfeccionamento cabe destacar os realizados con mestres como: José V. Peñarrocha, Joan Enric Lluna, Miguel Espejo, José Luis Estellés, Walter Boeykens, Larry Passin, Keith McLeod, Michelle Zukovsky, Yehuda Gilad y Antonio Saiote.

Membro da Xove Orquestra de Galicia entre os anos 1987 e 1991, período no que tamén colaborou como invitado coa Orquestra Cidade de Barcelona, Orquestra Cidade de Málaga e Orquestra Municipal da Coruña. Asistiu como clarinete invitado ós encontros que no ano 1997 levou a cabo a Escola de Práctica Orquestral do I.G.A.E.M. Durante o ano 1998 interpretou coa Orquestra de Melide o concerto para clarinete e orquestra de S. Mercadante.

Comeza a súa labor docente como mestre de clarinete en 1992 no Conservatorio de Música de Pontevedra e en 1995 trasládase ó Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Dende o ano 1998 é mestre de clarinete e Música de Cámara no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Ofreceu recitais con diferentes pianistas por todo o territorio galego. Durante 1997 ofreceu varios recitais de música para clarinete de compositores galegos, entre os que cabe destacar o estreo absoluto da Sonata para clarinete e piano de José Luis Carro.

Dende 1.991 ata 1.998, foi director da Agrupación Musical de Meaño, tempo no que tamén colaborou con moitas bandas de música de todo o territorio Español.

Dende Xaneiro do 2.001 é director da banda de música "Lira" de San Miguel de Oia.

Agrupación Musical "Lira"

Agrupación Musical "Lira"

A Agrupación Musical "Lira" de San Miguel de Oia, fixo a súa primeira actuación o domingo de Pascua de 1.932, baixo a dirección de D. Severino Alonso Mallo.

Dende aquela data, ata agora, cabe resaltar a participación da agrupación en distintos festivais bandísticos na Comunidade Autónoma de Galicia, Levante, Castela e León, e varios intercambios culturais con outras asociacións do mesmo tipo dentro de toda a xeografía galega, Portugal e Valencia. Cabe resaltar tamén os convenios de colaboración con Asociacións de Veciños, Concello de Vigo e Deputación Provincial de Pontevedra.

Dende 1.982 participa co Concello de Vigo no intercambio de colaboración que ten coas bandas de música, dando concertos en tódolos barrios do concello.

A directiva da Agrupación Musical, dende comezos do ano 1.997 ata agora, ven desenvolvendo un proceso de remodelación a tódolos niveis; estatutos, socios, escola de música, arquivo, instrumental, son as súas principais preocupacións para poder facer entre todos (Director, profesores, músicos, socios e veciños en xeral) unha Agrupación Musical da que tódolos veciños de San Miguel se poidan sentir orgullosos e onde os rapaces poidan desenrolar unha actividade artística que os afaste de outros perigos que ten a sociedade.

Na actualidade a Agrupación Musical conta cunha escola de música na que hai máis de 70 alumnos e alumnas estudiando solfexo e instrumento, clases impartidas por profesores de alta cualificación en especialidades de vento-madeira, vento-metal, percusión, canto e solfexo, tendo como obxectivo final a formación de músicos para a súa incorporación a orquestras sinfónicas profesionais.

Recentemente incluíronse na escola de música as clases de coro, que deron pé a formación do Coro que forma parte da Agrupación.

No ano 2002, e coincidindo co seu 70 aniversario, a nosa Agrupación Musical acadou o terceiro premio no LV CERTAMEN DE BANDAS DE MÚSICA CIUDAT DE CULLERA, e o primeiro premio na modalidade de pasarrúas. Do mesmo xeito obtiveron o segundo premio no II CERTAMEN PROVINCIAL DE BANDAS DE MÚSICA POPULARES “DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA”, tamén no ano 2002. Neste ano 2004 acadou o terceiro premio no CERTAMEN DE BANDAS DE MÚSICA DE LEGANÉS.